VIVAN AS INSOLENTES!
📍 IES Rafael Dieste (A Coruña)
📅 23 de abril de 2026
🕚 11:10 h


Se non podes visualizar ben esta INFORMACIÓN preme aquí

 

 

“Vivan as insolentes!”: música, memoria e rebeldía no IES Rafael Dieste da Coruña

 

A Coruña acollerá o vindeiro xoves 23 de abril de 2026 ás 11:10 h o concerto didáctico “Vivan as insolentes!”, unha proposta artística do músico e musicoterapeuta Nelson Quinteiro dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato do IES Rafael Dieste.

 

O espectáculo preséntase como unha viaxe musical e emocional arredor da idea de “insolencia” entendida como actitude crítica, creativa e transformadora. A través dun formato multidisciplinar, o concerto combina interpretación musical, narración e interacción co público, convertendo a experiencia nun espazo de reflexión compartida.
O repertorio inclúe composicións propias xunto con cancións tradicionais e pezas emblemáticas da música de intervención social. Entre elas, destacan títulos como Grândola, Vila Morena, do cantautor portugués José Afonso —símbolo da Revolución dos Caraveis—, ou Txoria txori, de Mikel Laboa, unha das máis recoñecidas metáforas sobre a liberdade. O programa complétase con adaptacións de música tradicional portuguesa e galega, así como cancións vinculadas á memoria histórica e á loita pola liberdade de expresión.
A proposta sonora constrúese a partir dunha combinación de instrumentos acústicos —ukelele, guitarra, percusión tradicional galega— e recursos tecnolóxicos como pedais de loops, xerando unha paisaxe musical rica e contemporánea. Nesta ocasión, o concerto contará coa colaboración do músico Iago Prieto Castro, quen achegará novas texturas sonoras desde a frauta e a gaita.

 

 
 

Nelson Quinteiro (Cangas, 1979) é músico, musicoterapeuta e dinamizador cultural cunha traxectoria de máis de 25 anos no ámbito escénico e musical en Galicia. A súa carreira caracterízase pola exploración de formatos híbridos entre concerto, intervención social e creación comunitaria. Ten desenvolvido proxectos singulares como Orquesta Gharbo! ou Músicas de Domingo, nos que combina tradición, experimentación sonora e participación do público.

 

Iago Prieto Castro (Vigo, 1979) é frautista e gaiteiro, cunha sólida formación na música tradicional galega e unha traxectoria ligada á interpretación e á colaboración en proxectos escénicos (Xarabal, Xistra de Coruxo, etc...I. A súa participación en “Vivan as insolentes!” reforza o carácter colectivo e aberto da proposta.

 
 

 
 


Sempre é un pracer
volver falar contigo!


Preme no logotipo para saber máis sobre nós!

Nelson Quinteiro Producións
Música, Danza e Animación
Rúa da Fonte do Galo 5 4D
36940 Cangas de Morrazo
Pontevedra

Se desexas darte de baixa neste boletín preme na siguiente ligazón: Baixa

- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -